Os campamentos urbanos de verán que leva a cabo o Concello de Culleredo saíron o venres 12 dos colexios e trasladáronse ao parque de Acea de Ama, xuntando así aos participantes de todas as idades. O motivo: a procura dun tesouro pirata escondido no recinto.
Para atopalo, os 200 participantes tiveron que achar os diversos anacos de mapa. Cada un obtivérono superando unha proba, na que os viandantes debían colaborar cos pequenos.
Así, púidose ver a veciños bailando o baile do pito ou deixándose dar un abrazo para axudar aos pequenos. A concelleira de Educación, Carmen Varela, tamén presente na actividade colaborou cos participantes dirixíndolles no "Gangnam Style".
O goberno de Culleredo estruturou os campamentos en diferentes quendas de datas e de diferente duración, habendo desde campamentos dunha semana ata de cinco, e por diferentes franxas de idade. Este ano rexistrouse unha maior demanda para as quendas de cinco semanas.
Coa actividade, o Concello reuniu a todos os participantes, de todas as idades. Para algúns serviu como colofón ao campamento dado que remataba a súa quenda. Ademais, serviu para promocionar un lugar de esparexemento único e que se atopa no municipio, como o parque de Acea de Ama.
Varela destaca o importante "papel de conciliación e de lecer saudable e educativo" que adoptan os campamentos que organiza o Concello de Culleredo. No proceso de matrícula logrouse que entrasen todos os solicitantes empadroados en Culleredo e con ambos os pais ou representantes legais traballando, conseguindo así a primeira das finalidades.
Trámites en linea, tablón oficial, carpeta ciudadana...
Emisiones en directo y material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER