O festival BurgoJazz comeza hoxe venres a súa XIV edición combinando a promoción dos artistas galegos e da comarca do xénero con grupos de renome nacional. Serán catro xornadas que traerán a 8 agrupacións ao xardín botánico do Burgo.
Coa intención de que o festival chegue ao máximo á cidadanía, o Concello de Culleredo espera que as condicións meteorolóxicas acompañen para poder realizar as actuacións no exterior. Así, as persoas que paseen polas proximidades xa escoitarán os acordes e voces e poderán unirse aos recitais.
As actuacións terán lugar ás 21.00 horas. Os grupos que participan son:
- Venres 4: The Magnifique Band dous homes sen medo e No Name
- Sábado 5: Marian Ledesma Trío e Camaradería (flamenco jazz)
- Domingo 6: Rapazz Quintet e Narci Rodríguez Trío
- Luns 7: Jazz Tenders e Quinteto Cimarrón (latin jazz)
A concelleira de Cultura, Alicia Ferreiro, destaca a "calidade" dos artistas que participan nun festival que cumpre 14 anos con cheos en todos os concertos. "É un festival moi arraigado en Culleredo e que ademais axuda a dar a coñecer un xénero menos comercial de música", afirma.
O festival, ademais do jazz máis estándar, reunirá propostas de subxéneros musicais, como o flamenco jazz de Camaradería, que mestura ritmos de bulerías ou tangos con milongas e rumbas. Ou os galegos de No Name, que presentarán composicións que van desde o hard bop ao jazz máis contemporáneo.
Na organización do BurgoJazz colabora co Concello de Culleredo a Deputación da Coruña.