Fontes

Existen no concello de Culleredo dous tipos de fontes: as de cantería, que imitan a arquitectura nobre, e as de construción máis popular.

As fontes de cantería (Ledoño, Peiro de Riba e Vinseira Pequena serían algúns exemplos), cun certo aire monumental, teñen a parede frontal ben construída, con sillares de granito, rematándose a parede nun frontón triangular moldeado (caso de Vinseira Pequena), nun friso moldeado (Peiro de Riba), etc. A do Burgo, tamén de cantería, ten forma cilíndrica, cun acabado cónico. Anque hai, na Corveira (Rutis), unha do século XVIII, e outra en Vilar (Sueiro), a maioría foron construídas a finais do século XIX e no XX.

Algunha fonte de certa entidade ten os muros de mampostería, con pedra pequena, sen sillares: un exemplo sería a de Canaval (Rutis).

As fontes más tradicionais, de tipo manancial, consisten nunha abertura, coa pía empedrada ás veces con pequenas laxes, nas que se colle a auga, ou ben teñen un cano ou dous por onde sae a auga. Algunhas destas reformáronse con morteiro en tempos recentes.