Idade Antiga

De finais da Idade do Bronce sería o puñal de "lingua de carpa" que se atopou na ría do Burgo, podéndose datar no século VII antes da nosa era. Sería un predecesor, pois, dos puñais de antenas, típicos da cultura castrexa. O feito de atopalo nas augas da ría provocou diversas teorías, como a do afundimento intencionado cunha carga ritual e funeraria, por exemplo; iso explicaría a ausencia de tumbas para esta época.

É posíble que as comunidades que construíron o puñal do Burgo habitaran en castros; de feito, moitos destes poboados son contemporáneos, segundo as últimas datacións, da época do puñal, aínda que a súa auxe chegará coa Idade de Ferro.

Culleredo é moi rico en castros, existindo máis dunha ducia, e en varios deles atopáronse tégulas e restos de cerámica.

A chegada dos romanos vai influír bastante na vida dos poboadores dos castros, aínda que se dan dous casos contraditorios: a presenza de persoas plenamente romanizadas, das que temos como exemplo a estela funeraria dedicada aos deuses Manes e que se atopou no Burgo, e na que o uso de dous nomes romanos por parte do defunto, Gaius Julius, indica unha forte romanización, mentres que conviven xentilicios e divindades indíxenas, como no caso  do castro de San Cosme en Sésamo, onde apareceron dúas aras votivas dedicadas á deusa guerreira e céltica Navia, por parte dun Ancetotu, pertencente á comunidade dos Sesmaci.

De época romana sería a vía Per loca maritima, de Braga a Lugo, a cal, segundo algúns autores, atravesaría o noso Concello polas parroquias de Rutis e O Burgo. Tamén quedaron pegadas na toponimia, como Vigovidín (Vicus Vitinii= aldea de Vitinio), ou un enterramento romano, do século IV, no lugar da Ermida.

Tamén neste momento quizais se configuran parte dos actuais núcleos de poboación, como Orro, Vilaboa etc., xa que a política dos romanos era que os habitantes dos castros abandonaran estes para vivir nos vales, onde podían estar mellor controlados militarmente.

Da época visigoda só quedou algunha pegada na toponimia, como Saíñas, en Rutis.