Síntese histórica de Culleredo

Resumo histórico do Concello de Culleredo

Prehistoria

Culleredo está poboado desde a Prehistoria.

Do período neolítico quedan as pegadas do megalitismo, práctica funeraria caracterizada pola construción de monumentos funerarios, as mámoas, do latín MAMULA (mama), consistentes nun dolmen, moitas veces con corredor, que logo é tapado con pedras e terra.


Sábese por diversos estudos que na zona da Zapateira, abranguendo boa parte do que son as parroquias de Rutis e Orro, existiu un importante complexo funerario de preto de 40 mámoas, e que no monte Xalo, onde existen pedras con cultos relixiosos precristiáns asociados ("Pedras Galladas", "Igrexa dos Mouros" etc.), tamén se localizan restos destes monumentos.

Pénsase, ademais, que dous camiños megalíticos atravesaban o noso Concello: un, que desde Arteixo e Uxes iría cara ao Burgo, e outro que sairía de Elviña con dirección ao Xalo.

En moitas das mámoas téñense atopado enxovais funerarios, consistentes en fragmentos de sílex, machados pulimentados etc. Estes complexos funerarios terían unha antigüidade de 4.000 a 6.000 anos.

 

Idade Antiga

De finais da Idade do Bronce sería o puñal de "lingua de carpa" que se atopou na ría do Burgo, podéndose datar no século VII antes da nosa era. Sería un predecesor, pois, dos puñais de antenas, típicos da cultura castrexa. O feito de atopalo nas augas da ría provocou diversas teorías, como a do afundimento intencionado cunha carga ritual e funeraria, por exemplo; iso explicaría a ausencia de tumbas para esta época.

É posíble que as comunidades que construíron o puñal do Burgo habitaran en castros; de feito, moitos destes poboados son contemporáneos, segundo as últimas datacións, da época do puñal, aínda que a súa auxe chegará coa Idade de Ferro.

Culleredo é moi rico en castros, existindo máis dunha ducia, e en varios deles atopáronse tégulas e restos de cerámica.

A chegada dos romanos vai influír bastante na vida dos poboadores dos castros, aínda que se dan dous casos contraditorios: a presenza de persoas plenamente romanizadas, das que temos como exemplo a estela funeraria dedicada aos deuses Manes e que se atopou no Burgo, e na que o uso de dous nomes romanos por parte do defunto, Gaius Julius, indica unha forte romanización, mentres que conviven xentilicios e divindades indíxenas, como no caso  do castro de San Cosme en Sésamo, onde apareceron dúas aras votivas dedicadas á deusa guerreira e céltica Navia, por parte dun Ancetotu, pertencente á comunidade dos Sesmaci.

De época romana sería a vía Per loca maritima, de Braga a Lugo, a cal, segundo algúns autores, atravesaría o noso Concello polas parroquias de Rutis e O Burgo. Tamén quedaron pegadas na toponimia, como Vigovidín (Vicus Vitinii= aldea de Vitinio), ou un enterramento romano, do século IV, no lugar da Ermida.

Tamén neste momento quizais se configuran parte dos actuais núcleos de poboación, como Orro, Vilaboa etc., xa que a política dos romanos era que os habitantes dos castros abandonaran estes para vivir nos vales, onde podían estar mellor controlados militarmente.

Da época visigoda só quedou algunha pegada na toponimia, como Saíñas, en Rutis.

 

Idade Media

Na Alta Idade Media Culleredo aparece nos documentos a través de varias igrexas. Un documento do ano 830 menciona as de Santa María de Conduzo (Rutis), San Pedro de Ledoño e Santaia de Carollo (Sésamo), subsistindo esta última como hermida cando menos ata o século XVII. Algunha destas igrexas, como a de Conduzo e a de Carollo, pasarían logo a formar parte do patrimonio do primitivo mosteiro de Sobrado, por doazón dos seus fundadores, o conde Hermenexildo, a condesa Paterna e o seu fillo, o bispo de Iria Sisnando, no ano 966. Sabemos que a igrexa de Carollo (Carolio na documentación da época) lla mercara Sisnando ao crego Florencio, o primeiro de Culleredo do cal coñecemos o nome.

Poucos anos despois, en 971, volven a facer doazón das mesmas igrexas, incluíndo ademais a vila de Orria (Orro). Esta doazón sería confirmada, en data incerta, polos reis Ordoño e Ramiro e a súa nai, a raíña Tareixa.

Tamén no século X aparece na documentación Almeiras, onde vivían homes de condición libre, chamándoselle na documentación ao lugar Alumenariis.

A toponimia cullerdense fornécenos tamén moitos nomes de raíz xermánica, aínda que comezaron a usarse nestes séculos: Alvite, Ternande, Sueiro, etc.

Existe a teoría de que Celas puidera ser nestes séculos ou ben unha área de eremitorios, nos que vivirían eremitas pechados en celas, ou ben puido existir un mosteiro, do que non quedaron vestixios. O mesmo acontece no lugar de Ermida de Ternande, tamén en Celas, A Hermida, en Culleredo, e outra ermida que aparece na documentación de Almeiras.

No século XII aparece con forza na documentación o chamado Burgo de Faro, seguramente xa existente nos séculos IX e X. Importante núcleo urbano ( tense dito que a mediados do século XII só as cidades episcopais, Allariz e O Burgo son os únicos enclaves urbanos en Galicia, nel asentáronse os templarios e a catedral de Santiago, que tiñan a partes iguais o lugar, e o mosteiro de Sobrado, con moitas posesións e rendas, entre elas os muíños da Acea da Ama.

Ao Burgo de Faro chegaban barcos con mercancías e peregrinos do norte de Europa. Foi moi protexido por Afonso VII e Fernando II.

No século XII documéntase a existencia dunha confraría de alfaiates (xastres) baixo a advocación de San Miguel, que sería unha das primeiras dos reinos cristiáns.

A fundación de A Coruña, a comezos do século XIII, marcaría o comezo do declive do Burgo, aínda que os templarios seguírono potenciando ata a súa desaparición, no ano 1312.

Nesta época constrúense boa parte das igrexas cullerdenses existentes na actualidade, e algunhas xa desaparecidas, como a de San Pedro de Vilaboa ou a de San Xoán da Choeira.

Desaparecidos os templarios, Culleredo formará xa totalmente parte do alfoz da cidade de A Coruña, dependendo dela para todo. Mesmo algúns dos nosos cregos pertencían á confraría que agrupaba ós coruñeses, a de Todos os Santos.

Só se producen algúns problemas coa pequena nobreza local, os Becerras do Val de Veiga, cuxo patriarca, Martiño, que tiña numerosos escudeiros e homes ao seu servizo, edifica a Torre de Celas, polo cal sostén un preito a finais do século XIV coa cidade coruñesa. Esta fortaleza sería atacada, na segunda guerra irmandiña, sendo derrubadas as súas ameas.

Tamén a toponimia aporta moitos nomes de época medieval: Donepedre (Domnus Petrus= don Pedro), Vilaboa (Villam bonam), Vilaverde (Villa Viridii= vila de Viridio), etc.

 

Antigo Réxime

Durante o Antigo Réxime Culleredo comeza a señorializarse, aínda que o proceso comezara no Medievo: Vilaboa (primeiro, no século XV, de Gómez Pérez das Mariñas, e no XVI, Andrade, Marqueses de Sarria e Condes de Lemos); Sésamo (tres cuartas parte do couto eran, na Idade Media, do mosteiro de Belvís), que pasa por diversas mans; Vinseira Grande (no século XVIII era de María Benita Maldonado, dona da torre de Celas); parte de Sueiro, Celas e Veiga era do Conde de Altamira. etc.

As institucións eclesiásticas que posúen bens en Culleredo son os mosteiros de Sobrado e Cambre, os Xesuítas, o convento das Bárbaras coruñesa, os Dominicos, o Hospital Real de Santiago, a Colexiata de Santa María do Campo da Coruña. Tamén os monarcas posuín diversos bens, especialmente devesas.

A poboación, escasa en xeral, e maioritaria nas zonas rurais, dedícabase fundamentalmente ao agro, aínda que tamén aparece na documentación algún mercador, tecedores, xastres, ferreiros, carpinteiros, canteiros, taberneiros, etc. En 1752 existía xa a feira de Peiro, e contabilízanse, a mediados do XVIII, 61 muíños no concello.

Nacen tamén, nos séculos XVII e XVIII, as confrarías relixiosas: as do Santísimo, Rosario e San Antonio de Padua eran as máis numerosas.

Este pequeno florecemento económico levaría a que se arranxaran, especialmente os frontis e as espadanas, de moitas igrexas, e mércanse moitas imaxes e pezas de ourivería.

Tamén, na segunda metade do século XVIII, constrúese o camiño de acceso a Galicia, que pasaba polo Burgo, Acea de Ama, Fonteculler e Portádego.

Algúns acontecementos militares influíron na vida dos nosos antepasados, como a invasión inglesa de 1589, na cal se destruíu a ponte do Burgo e saqueáronse moitas parroquias e igrexas: O Burgo, Vilaboa, Culleredo, etc.

 

Idade Contemporánea

Nos séculos XIX e XX Culleredo convértese en lugar de segunda residencia da burguesía e fidalguía coruñesa, edificándose moitos pazos e casas de recreo, algúns dos cales aínda perviven.

En 1875 ábrese o camiño de ferro da Coruña a Lugo, con estación no Burgo, en 1922 inaugúrase o tranvía eléctrico, en 1943 o camiño de ferro da Coruña a Santiago, a comezos dos 30 inicia os seus traballos a factoría Cros e en 1963 inaugúrase o aeroporto de Alvedro.

A finais do século XIX nacen as primitivas asociacións de socorros mutuos, como La Humanidad, en Rutis e La Amparadora, no Burgo.

A xente dedícase, como nos tempos anteriores, maioritariamente a traballar o agro. No traballo de mellorar os cultivos destaca Juan Lembeye e Lartaud, o cal, dende o seu pazo de Liñares, ensina ós labregos novas técnicas. Logo, a instalación de industrias na Coruña, como a Fábrica de Tabacos, ou a Cros, fai que moitos homes e mulleres cullerdenses pasen a formar parte do proletariado. Iso leva a que no noso concello xurdan diversos conflictos, e a que a xente comece a organizarse sindicalmente, primeiro na anarquista Unión Campesina, e, xa antes da República, na CNT, que tería unha grande implantación no noso concello (mesmo durante a República organiza unha concentración de asociacións en Vilaboa á que asisten máis dun cento, e milleiros de persoas). Neste século XX agroman por todas partes sociedades de socorros mutuos, de socorros de gandos, de agricultores, culturais, políticas, que fan que o primeiro tercio do século XX sexa moi activo neste aspecto.

A Dictadura de Primo de Rivera a penas inflúe na vida municipal. Desta época só podemos destacar o papel xogado polo alcalde Andrés Pan Vieiro, que instala bibliotecas en tódalas parroquias.

A proclamación da República, no medio dunha tentativa de fraude por parte dos monárquicos, trae esperanzas. Inícianse varios proxectos de construción de camiños, fontes, lavadoiros, escolas, alumeado público, etc.

O triunfo do fascismo provoca unha importante represión, sendo varios veciños asasinados, fusilados, multados, mentres que outros, máis afortunados, collen o camiño do exilio.

O mundo do ensino experimenta no século XX unha importante melloría, existindo máis de 30 escolas a finais dos anos 30, e inaugurándose, en 1964, a Universidade Laboral.