O goberno de Culleredo presenta uns orzamentos á alza con gastos “realistas” para o benestar do veciño

A eficacia na xestión dos recursos municipais e a coordinación entre as áreas permiten ao Concello de Culleredo presentar uns orzamentos para o ano 2014 cun crecemento dun 2,49% con respecto ao presente exercicio. Así o explicou o alcalde de Culleredo, Julio Sacristán, que deu a coñecer hoxe a proposta xunto ao primeiro tenente de alcalde, José Ramón Riobóo, e o voceiro do equipo de goberno, Diego Taibo.

O goberno de Culleredo levará este mes a pleno a proposta, cunha contía de 19,43 millóns de euros, que teñen como obxectivo primordial incrementar o benestar e calidade de vida do veciño do municipio.

Os investimentos crecen de maneira substancial, un 30,28% con respecto a 2013, alcanzando os 1,8 millóns de euros. O equipo de goberno aposta por dirixir as principais actuacións a dar resposta a necesidades dos veciños e mellorar os servizos básicos.

No conxunto de investimentos destaca a idea pioneira de cubrir parques infantís, para alargar así o seu tempo de uso e facilitar que poidan acudir os pequenos tamén no inverno. Nesta primeira fase, o Concello dotará de cuberta aos parques do Burgo (praza de Europa), Acea de Ama (paseo Tierno Galván), Vilaboa (Sagrada Familia e praza da igrexa) e A Corveira (José Prieto). Este investimento roldará os 257.000 euros.

Neste cadro de actuacións, o goberno municipal inclúe numerosas pavimentacións, ampliacións da rede de saneamento, arranxo de beirarrúas, melloras de accesibilidade, urbanizacións de prazas ou a construción dunha pista deportiva en Vallesur e Os Olivos.

Tamén inclúe o orzamento a dotación económica para a urbanización da parcela, na avenida de Rutis, para o novo colexio de Educación Infantil e Primaria. O Concello preparará así o terreo para entregalo á Xunta de Galicia de cara a crear o novo centro de ensino.


Menos gastos de persoal e máis axudas en emerxencia social

A aposta polo aforro tradúcese tamén na redución dos gastos de persoal, un 3%. No entanto, anunciou Rioboo, o Concello incrementará en dous efectivos a Policía Local para incrementar os seus labores de vixilancia e atención ao cidadán.

Tamén aumenta o gasto social, a gran aposta do novo goberno cullerdense. Roldará os 2 millóns de euros. Inclúe partidas como as destinadas a situacións de emerxencia social, que crecen un 30%.

"Segue habendo familias que necesitan o apoio do Concello de Culleredo e con estes orzamentos garantirémolo", asegurou o alcalde.


Sen crédito bancario e mantendo servizos que en 2012 barallábase suprimir

O primeiro edil destacou así mesmo que os orzamentos non recorren a crédito bancario e ademais soben as partidas destinadas á amortización en 11,11%. A isto úneselle a decisión adoptada de destinar boa parte (1,2 millóns) do superávit de 2012 a amortizacións, o que propiciou que os gastos financeiros baixen un 34,23%.

O Concello segue esperando a autorización do Goberno do Estado ás administracións para poder empregar o remanente de tesouraría en investimentos. Neste sentido, Sacristán anunciou que en canto dispoña dese permiso aumentará aínda máis o capítulo de investimentos.

A idea é con ese remanente levar a cabo a reforma integral do Edificio de Servizos Múltiples do Burgo (550.000 euros) e a renovación do campo de fútbol de Rutis, incluíndo a dotación de céspede artificial (600.000). E aínda quedaría diñeiro para outras pequenas actuacións. Se pola contra, o Estado non permite aos Concellos esta operación, Culleredo destinaría o remanente a amortización.

A previsión do goberno municipal é que a débeda bancaria rolde a finais de 2014 os 4 ou 4,5 millóns de euros. Isto suporía chegar a un nivel dun 40%, moi por baixo do 110% que permite a lei.

E aínda sería menor se se destina o remanente de 2012, como se sinalou. Pero o goberno de Culleredo, dado que é un nivel moi por baixo do límite, prefire dedicalo a investimento e mellorar así servizos para os veciños de Culleredo.

Sacristán lembrou o plan económico-financeiro elaborado en 2012 que barallaba medidas como o peche do Conservatorio ou da emisora de radio municipal. "Fomos quen de manter os servizos sen déficit e sen recorrer a crédito. Agora a situación é moito máis positiva", afirmou.

En canto á participación veciñal, a proposta de orzamentos incrementa as subvencións a asociacións. Das 54 que recibiron axuda municipal en 2013 pasarase a 69 en 2014. O alcalde resaltou que se conceden tanto a entidades sociosanitarias, como asociacións de veciños ou agrupacións de empresarios.


Aposta pola seguridade cidadá

"Estamos orgullosos de presentar estes orzamentos realistas e que só teñen como obxectivo mellorar a calidade dos veciños". O primeiro tenente de alcalde subliñou que todas as actuacións incluídas baséanse en necesidades detectadas polo Concello ou trasladadas polos veciños, buscando o benestar do cidadán.

Rioboo destacou tamén a aposta pola seguridade cidadá. Ademais do incremento do persoal de policías locais, os corpos de seguridade municipais verán incrementado o parque móbil cun camión e un todoterreo.

O primeiro tenente de alcalde apuntou ao traballo coordinado realizado no novo goberno, que agora cumpre 6 meses, para contar xa neste mes de novembro coa proposta e así poder iniciar 2014 con orzamentos aprobados.

Pola súa banda, Taibo cualificou os orzamentos de "austeros" e resaltou o "rigor" co que foron elaborados para adaptarse á realidade de Culleredo e os seus cidadáns.

Sede electrónica

Información dos procedementos do catálogo municipal, descarga de solicitudes, rexistro telemático...

Acceda aos servizos

 

Teléfonos de interese

  • Casa do Concello981.677.777
  • A Escada981.664.452
  • C.F.Pablo Picasso981.664.204
  • Centro de información ás mulleres (CIM)981.654.570
  • Centro municipal asociativo981.652.122
  • Conservatorio de Música981.667.798
  • Edificio usos múltiples981.665.597
  • Policia Local981.677.755
  • Protección Civil981.651.879
  • Servizos sociais de O Burgo981.654.570
  • Servizos sociais de Vilaboa981.660.079
  • Villa Melania981.650.077

Séguenos en Twitter

Envíanos as tuas dúbidas

El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER

Patrocina