O Camiño Inglés

O Camiño Inglés de peregrinación discorría entre os portos do Golfo Ártabro e Santiago, presentando varias rotas alternativas, entre elas o chamado "Camiño de Faro". Debe o nome ao seu punto de partida, o antigo arciprestado de Faro, que abranguía, fundamentalmente, os actuais concellos de A Coruña, Culleredo e Arteixo. Percorre a distancia entre A Coruña e Santiago polas terras do interior: Culleredo, Cambre, Carral, Val de Barcia, Hospital de Bruma, Poulo, Sigüeiro e Santiago.

Os principais portos de procedencia de peregrinos eran os situados no sur de Inglaterra, Irlanda e a costa occidental francesa; desde alí a travesía duraba arredor duns cinco días. Sen dúbida, foi esta unha razón de peso para que moitos escollesen esta opción, fronte á longa peregrinación terrestre, que como pouco requiría cinco ou seis meses.

A estratéxica situación atlántica propiciou a escala de barcos que navegaban entre o norte de Europa e o Mediterráneo, como as expedicións de cruzados que en varias ocasións fixeron porto na Coruña, desde onde se desprazaban a Santiago para encomendárense ao Apóstolo antes de proseguiren a súa rota. Entre elas destaca a que chegou á Coruña en 1217, composta por 350 navíos de cruzados alemáns, frisóns, noruegueses e flamengos. Ademais, a garantía da protección real aos barcos fomentou o desenvolvemento das relacións comerciais co Atlántico norte, e en definitiva con Europa.

No século XII aparece con forza na documentación o chamado Burgo de Faro, seguramente xa existente nos séculos IX e X. Importante núcleo urbano (tense dito que, a mediados do século XII, só as cidades episcopais, Allariz e o Burgo eran os únicos enclaves urbanos de Galicia), nel asentáronse os templarios, coa súa bailía de Faro, señores da metade do Burgo de Faro, a Catedral de Santiago, que señoreaba a outra metade, e o mosteiro de Sobrado, con moitas posesións en rendas, tanto do Burgo como do seu porto, que construiría os muíños de Acea de Ama, aínda existentes.

Ao Burgo de Faro chegaban barcos con mercadorías e peregrinos do norte de Europa. Foi moi protexido polos monarcas Afonso VII e Fernando II, así como polos Condes de Traba.

No século XII documéntase no Burgo a existencia da confraría de San Miguel, que agrupaba aos alfaiates.

A fundación da Coruña, a comezos do XIII, marcaría o comezo do declive do Burgo de Faro, aínda que os templarios seguírono potenciando ata a desaparición da Orde, en 1312.

O trazado do Camiño Inglés en Culleredo é o seguinte:

Entra no municipio, procedente da Coruña, pola Avda. Miguel González Garcés, xirando, á esquerda, pola rúa Río de Quintas. Continúa por Eduardo Blanco Amor e enlaza con Jorge Guillén. Cruza a Avda. de Fonteculler no paso de peóns que dá ao colexio "A Ponte Pasaxe". Intérnase pola rúa Miramar e, ao chegar á urbanización "A Ría", baixa á dereita ata dar no Paseo Marítimo. Discorre polo Paseo Marítimo ao longo do carril-bici, e camiño empedrado paralelo, ata a ponte do Burgo. Sobe, á dereita, ata a igrexa de Santiago do Burgo, cruzando no paso de peón da Avda. da Coruña para seguir pola rúa Colina e Pablo Picasso ata a Avda. de Galicia. Xira á esquerda por dita avenida e, na fonte dos Pelamios, sobe pola rúa dos Pelamios, rúa de San Xiao (pasando fronte á igrexa de Almeiras), rúa da Choeira e rúa das Catas. Colle logo, á esquerda, pola rúa Arcebispo Xelmírez, bordeando o castro de Alvedro, baixando pola cara sur do castro (norte do polígono industrial de Alvedro) ata a Avda. de Alvedro (N-550). Baixa paralelo á Avda. de Alvedro por un camiño de terra (provisional mentres non se acaben as obras do Parque Empresarial, e sinalizado con vallas), e, no lindeiro sur do polígono, torce á esquerda e cruza o río Valiñas pola ponte medieval da Xira para internarse no Concello de Cambre.

Os peregrinos poderán contemplar, no seu camiñar, ademais das fermosas paisaxes da Ría do Burgo, monumentos como os muíños de Acea de Ama, do século XII (que albergan o Museo dos Muíños "Andrés Pan Vieiro" e a Sala de Exposicións "Xosé Rey Lago"), a igrexa románica de Santiago do Burgo, tamén do século XII, a ponte medieval do Burgo, a igrexa neoclásica de Almeiras, vivendas e quintas de recreo de principios do século pasado, o castro de Alvedro e a ponte medieval da Xira.

Dispoñen os camiñantes, ademais, de varias fontes ao longo do Camiño (Fonteculler, Fonte do Peregrino e Fonte dos Pelamios), dun Punto de Información (no Edificio de Servizos Múltiples do Burgo).


Teléfonos de interese

  • Casa do Concello981.677.777
  • A Escada981.664.452
  • C.F.Pablo Picasso981.664.204
  • Centro de información ás mulleres (CIM)981.654.570
  • Centro municipal asociativo981.652.122
  • Conservatorio de Música981.667.798
  • Edificio usos múltiples981.665.597
  • Policia Local981.677.755
  • Protección Civil981.651.879
  • Servizos sociais de O Burgo981.654.570
  • Servizos sociais de Vilaboa981.660.079
  • Villa Melania981.650.077

Séguenos en Twitter

Envíanos as tuas dúbidas

El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER

Patrocina