|
Culleredo celebra o Día Escolar pola Non Violencia co programa radiofónico “Ondas de paz”
A radio converterase o vindeiro luns nun medio educativo para os escolares de Culleredo. O Concello celebrará o Día Escolar pola Paz e a Non Violencia abrindo as instalacións da emisora municipal a 98 alumnos de 4º de Educación Primaria dos colexios Isaac Díaz Pardo, no Burgo, e de Tarrío.
Os pequenos converteranse en locutores e guionistas do programa denominado “Ondas de Paz”, que se poderá escoitar de 12.30 a 13.00 horas no 101.20 da Frecuencia Modulada. Dos 98 alumnos, serán 22 os que participen directo desde a emisora municipal, coa colaboración da dirección e persoal de Radio Culleredo. O programa radiofónico terá dúas partes diferenciadas: un noticiario e unha tertulia. Noticias, declaracións, lecturas literarias e debates sobre o significado do termo Paz en sentido amplo serán o contido deste programa nun acto simbólico de amizade dos escolares de Culleredo con toda a poboación. Palabras como cooperación, democracia, solidariedade, convivencia, igualdade, participación, responsabilidade, non_violencia, xustiza....serán enviadas a través das ondas, para unirse ás voces de milleiros de persoas que claman á vez por un mundo en PAZ neste día, no que se recorda a Gandhi, ideólogo da non violencia, no 64 aniversario da súa morte. A concelleira de Educación, Carmen Varela, destaca que con esta acción os alumnos sentiranse “protagonistas coa gran responsabilidade de enviar unha mensaxe pola paz”. A través das ondas, engade, os pequenos poderán asumir o seu papel ante un gran número de veciños de Culleredo e da comarca. |