Culleredo e Cruz Vermella buscan familias acolledoras

No noso ámbito máis próximo hai nenos, nenas e adolescentes que por diversos motivos non poden vivir temporalmente coa súa familia. En Cruz Vermella, dende o programa de Familias Acolledoras, búscanse persoas que se sumen a esta iniciativa e que poidan ser a familia axeitada para estes menores. O Concello de Culleredo, sensibilizado con esta realidade, vai colaborar coa Institución realizando accións de difusión no seu ámbito co obxectivo de dar a coñecer o acollemento familiar e incorporar novas persoas acolledoras ao citado programa.

Esta colaboración deuse a coñecernun acto no que participaron Julio Sacristán, alcalde de Culleredo, Alfonso García López, presidente provincial de Cruz Vermella na Coruña, Guadalupe Pombo, concelleira de Benestar, e Cristina Alles León, psicóloga do Programa de Familias Acolledoras de Cruz Vermella na Coruña.

Os obxectivos principais son informar acerca dos detalles deste programa e animar a poboación en xeral a formar parte do mesmo, xa que é importante incrementar o número de familias acolledoras na provincia que poidan proporcionar un entorno familiar aos nenos e nenas que atravesan unha situación de dificultade temporal que impide que estean cos seus pais e nais.

Actualmente na provincia da Coruña hai 12 nenos á espera de acollemento mentres que outros 92 menores están a ser acollidos, 8 deles en Culleredo, en 4 familias. Nestes momentos son 110 as familias que pertencen a este programa na Coruña e 67 están a acoller pero segue sendo esencial ampliar o número de familias acolledoras, xa que non sempre é doado dar coa familia acolledora idónea para cada neno e son moitos os factores que han de terse en conta.

As accións desta campaña conxunta, que comeza este mes de decembro, desenvolveranse baixo o lema "Abre outra porta no teu corazón". Está prevista a realización de talleres en varios centros educativos de Culleredo nos que se incluirán sesións de contacontos dirixidas aos máis pequenos, onde o protagonista é o parrulo Lolo, que vive unha situación similar á que pasan os menores durante o período de acollemento. Por outra parte, farase difusión mediante a colocación de carteis e a repartición de folletos en diferentes lugares.

O alcalde amosou a súa admiración polo traballo que desenvolve Cruz Vermella no ámbito infantil e xuvenil. Sacristán asegurou que o Concello vai facer o que poda para colaborar, “non podemos ser alleos a esta realidade social”.

O rexedor está seguro de que en Culleredo pode haber moitas familias dispostas a participar no programa. “Espero que de hoxe nun ano o número teña crecido”, sinalou.


O perfil das familias acolledoras

O programa de Familias Acolledoras é un programa da Xunta de Galicia que xestiona Cruz Vermella dende 1995. Naceu co obxectivo de proporcionar unha atención temporal, nun ambiente normalizado alleo á súa familia biolóxica, a aqueles menores que se encontran nunha situación de risco, desamparo ou desprotección.

Cruz Vermella busca que estes menores sexan acollidos por persoas que lles ofrezan o seu fogar, que lles dean os coidados, a seguridade, a educación e o cariño que necesitan e que lles permitan manter, se é posible, o contacto cos seus pais, nais ou con outros familiares. Procúrase dar a resposta máis axustada a cada neno, nena ou adolescente, tendo sempre presentes as súas necesidades: que permaneza na súa localidade, no seu colexio, co seu grupo de amigos, que manteña contacto coa súa  familia, etc.

O perfil das familias acolledoras é moi variado, sendo o máis importante o compromiso co proxecto. En principio calquera familia pode presentar o seu ofrecemento como familia de acollida, con independencia do seu estado civil, número de fillos, relixión, ideoloxía ou orientación sexual, tendo en conta os seguintes criterios:

  • Respectar e aceptar as características do menor, así como as da súa familia de orixe.
  • Dispoñer da capacidade necesaria para cubrir as necesidades físicas, psicolóxicas, afectivas e sociais do menor.
  • Acordo por parte de todo o núcleo familiar de cara ao acollemento.
  • O acollemento non ten finalidade adoptiva.

As persoas interesadas en ter máis información sobre o acollemento familiar poden entrar en www.acollementofamiliar.org, chamar ao teléfono 900 812 880 ou escribir un correo electrónico a galicia@cruzroja.es.

Sede electrónica

Trámites en linea, tablón oficial, carpeta ciudadana...

 

Canal Culleredo

Emisiones en directo y material audiovisual.

 

Teléfonos de interés

  • Ayuntamiento981.677.777
  • A Escada981.664.452
  • C.F.Pablo Picasso981.664.204
  • Centro de información a las mujeres (CIM)981.654.570
  • Centro municipal asociativo981.652.122
  • Conservatorio de Música981.667.798
  • Edificio usos múltiples981.665.597
  • Policia Local981.677.755
  • Protección Civil981.651.879
  • Servizos sociales de O Burgo981.654.570
  • Servizos sociales de Vilaboa981.660.079
  • Villa Melania981.650.077

Sí­guenos en Twitter

El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER

Patrocina