Juan Lembeye e Lartaud

Naceu en Ferrol en 1816, fillo dunha familia de orixe francesa e de tradición liberal.

Emigra, como tantos galegos, a Cuba, antes de 1840. Alí, na Habana, monta unha Academia de Comercio, estuda a fauna da illa e relaciónase cos naturalistas e intelectuais alí residentes. En 1850 publica o libro Aves de la Isla de Cuba, no cal aporta, ao mundo científico internacional, catro novas especies que levan o seu nome. Outro soado naturalista cubano, Poey, dedícalle a Lembeye unha das especies que descobre.

Logo de recibir cartas de científicos de moitos países, e especialmente do coruñés Ramón de la Sagra, segue cos seus traballos e, ademais, dedícase á recolección de insectos. Parte da súa colección custódiase na Casa das Ciencias da Coruña.

Antes de 1863 regresa a Galicia, establecéndose en Culleredo, resultando elixido concelleiro xa ese ano. Na Revista Económica de 1862-1863 menciónase que Lembeye está experimentando, nas súas explotacións de Culleredo, unha ordeñadora mecánica traída de Inglaterra polo Sr. Pardo Bazán. Comeza, nesta etapa, a dedicarse ao mundo da agronomía, estudando os males do trigo, os novos abonos, as sulfatacións, etc. Froito destas investigacións son dous libros, La caries, inoculación esporádica de los trigos y medio de evitarla, publicado en 1876 e Consideraciones y consejos agrícolas para mejorar las cosechas de trigo en Galicia y perfeccionar los abonos, en 1885.

Dedícase á investigación e ao traballo pedagóxico cos labregos da comarca, ensinándolles como mellorar as súas colleitas. En 1868, é elixido alcalde de Culleredo, permanecendo no posto ata 1871 e realizando un importante labor. En 1889 volve ser elixido alcalde, pero unha grave dolencia levaríao á morte, en decembro do mesmo ano.

Juan Lembeye está enterrado no cemiterio de Culleredo, no seu panteón familiar. O Concello de Culleredo deulle o seu nome á Aula de Natureza radicada no Xardín Botánico do Burgo e a unha rúa na parroquia de Culleredo.