Igrexa de San Martín de Sésamo

A igrexa parroquial de Sésamo está situada no centro da poboación, na ladeira do Monte S. Cosme; sen dúbida , a distancia entre esta e a antiga ermida de S. Cosme, motivou a construción dun templo nun lugar máis accesible e próximo aos fregueses. Por outra banda, a ermida precisaba ser ampliada pois as súas dimensións eran moi reducidas para realizar as funcións parroquiais.

Este novo templo foi levantado no século XVIII, entre os anos 1744 1804, sobre os cimentos dunha antiga capela que nos arquivos parroquiais é denominada capela de S. Antonio, a cal, ademais, servía de cemiterio.

 

Arquitectura

Para unha primeira observación do edificio deterémonos na planta. Componse dun corpo principal rectangular, que alberga a nave, con acceso principal na fachada e unha porta menor no lateral; e o testeiro cuadrangular, que se prolonga cara a sancristía, a cal dispón doutras dependencias pegadas de modo irregular.

O seu exterior é sobrio e austero, carente de decoración nos muros e fachada. O material utilizado é a pedra local de tamaño e forma irregular, mampostería recebada e encalada, agás as partes máis nobres como a fachada ou elementos sustentantes, coa fin de dotar de maior robustez ao edificio. A fachada remátase cunha espadana que cobixa un dobre campanario con arcos de medio punto.

 

Retablos

O retablo Maior:

Data de 1801, realizado por D. Juan Pernas, escultor coruñés. Consta de predela maciza, corpo principal dividido en tres rúas e ático dunha soa rúa que se corresponde coa central do corpo principal. Retablo de gusto neoclásico, sen regustos decorativos, columnas de corte clásico de orde corintio que estructuran a obra. O ático presenta columnas do mesma orde e dúas aos lados que serven de nexo co corpo inferior, nos extremos dous xarróns pechan a composición. As dúas fornelas, central e superior, teñen fachada con arco de medio punto sobre pilastras.

Os retablos laterais:

Son máis serodios, de mediados do século XVIII, pero o seu deseño retoma formulacións moi similares ao retablo maior. Son de traza sinxela, con predela, corpo dunha soa rúa e ático con S, separado do corpo central por molduras similares ao retablo da capela maior. Igual que este o espazo é compartimentado por columnas, neste caso con capiteis xónicos, que acollen a fornela onde se instalaron as imaxes dos santos médicos.


Imaxinería

Imaxes de S. Cosme e S. Damián:

Estas esculturas proceden da ermida de S. Cosme pero desde o traslado da sé parroquial permanecen depositadas neste templo, desde onde se levan en procesión todos os anos para a celebración da romaría.

As imaxes son prácticamente idénticas, a única diferenza son os obxectos que portan nas súas mans, atributos que fan referencia á súa profesión, un sostén un libro e o outro un recipiente farmacéutico. Polo tratamento dos panos, a actitude hierática dos rostros e a postura, podemos situalos cronolóxicamente nunha data posterior á metade do século XVIII.